Post Header

Recentemente lanzouse a Google Play unha aplicación non oficial de Android para Archive of Our Own – AO3 (O Noso Arquivo). Como este lanzamento volveu poñer o tema no centro de atención, queriamos aproveitar esta oportunidade para compartir o estado actual do desenvolvemento da aplicación oficial AO3.
"Pensastes en facer unha aplicación?" é unha das nosas preguntas máis frecuentes, pero no desenvolvemento de aplicacións móbiles, en realidade non existe algo coma “unha” aplicación. As aplicacións deben crearse para diferentes plataformas móbiles (Android, iOS e Windows Mobile, as máis importantes) e para as moitas versións desas plataformas que aínda están en uso.
Antes de comezar a desenvolver unha aplicación que che permita facer algo máis que buscar obras sen restricións, necesitaríamos desenvolver unha API pública, sen dúbida no noso plan de traballo, pero a varias actualizacións importantes do AO3 de distancia. Entón, necesitaríamos crear interfaces de usuario diferentes e responsivas para teléfono e tableta. O que parece un proxecto pequeno e sinxelo evoluciona moi rapidamente en algo que necesita moitos recursos, dedicados, con habilidades diversas. Aínda que xa dixemos no pasado que nos gustaría lanzar unha aplicación móbil AO3, os recursos necesarios simplemente non están dispoñibles.
Todes us programadorus que desenvolven o AO3 fano de forma voluntaria e dan o máximo de tempo posible para apoiar o seu crecemento, pero ese tempo é limitado e consumido totalmente polo traballo necesario para manter o AO3 funcionando sen problemas. Ou o equipo dedica tempo a seguir mellorando o AO3 ou a desenvolver unha aplicación; simplemente non hai voluntaries suficientes para apoiar ambos.
Non é só o desenvolvemento inicial o que necesitaría moitos recursos. Unha aplicación debería manterse e actualizarse continuamente para garantir que siga funcionando a medida que se lanzan novas versións de cada plataforma, sen esquecer a mellora da aplicación para incluír funcións de AO3 novas e melloradas. E como unha aplicación requiriría mantemento a longo prazo por parte dun equipo dedicado, non é algo que poidamos financiar de forma fiable con doazóns.
Pero os recursos de programación e testeo nin sequera comezan a rascar a superficie do que sería necesario para soportar unha aplicación. Tamén se necesitarían recursos dos seguintes equipos:
- Soporte debería contar con persoal, formación e equipamento para axudar con calquera problema técnico que se atope en cada plataforma.
- O noso equipo de Documentación tería que crear e actualizar continuamente documentos de asistencia para a aplicación, e
- O equipo de Tradución tería que traducir e actualizar continuamente a documentación para que a aplicación sexa accesible a persoas que non falen inglés.
Non só serían máis recursos dos que temos actualmente dispoñibles, senón que tamén afastaría aos membros do equipo de traballar en apoio ao noso plan de traballo.
O obxectivo do noso equipo é manter o AO3 dispoñible e accesible ao maior número de persoas posible. A mellor forma de facelo é centrando os nosos esforzos na construción dunha versión única e responsiva do AO3 que funcione (e funcione ben!) en tantos dispositivos como sexa posible. Dedicámonos eternamente a garantir que isto inclúa dispositivos de todas as formas e tamaños, e seguiremos centrando os recursos en mellorar a capacidade de resposta móbil e a usabilidade do sitio para todos. Isto significa que unha aplicación autónoma non é posible neste momento do desenvolvemento do AO3.
Para pechar unha nota de seguranza, se unha aplicación ou sitio web de terceiros solicita a túa información de inicio de sesión AO3, procede con cautela e ten en conta que estás a proporcionar esta información baixo o teu propio risco. Aínda que non hai problemas de seguranza actuais, asegúrate de cambiar o teu contrasinal se cres que a túa conta puido estar comprometida nalgún momento.
Esta publicación de noticias foi traducida polus tradutores voluntaries da OTW. Para obter máis información sobre o noso traballo, visita a páxina de tradución en transformativeworks.org.
