AO3 News

Post Header

Published:
Sat, 19 Sep 2026 04:22:54 +0000
Original:
Problems logging in to your account?
Tags:

Para mellorar a seguridade e a manexabilidade, renovamos completamente o código do sistema de inicio de sesión de Archive of Our Own - AO3 (O Noso Arquivo). Como anunciamos previamente, esta renovación pechou a sesión de todas as contas. Se sabes o teu nome de usuario e contrasinal, deberías poder iniciar sesión como de costume. Aínda así, aquí tes algunhas cousas a comprobar se tes problemas.
Activaches a túa conta seguindo a ligazón que se che enviou no correo de confirmación do rexistro?
Se te rexistraches recentemente en AO3 e tes problemas para iniciar sesión, asegúrate de que activaches a túa conta. Nas 24 horas seguintes ao rexistro, deberías recibir un correo de confirmación de rexistro de [email protected], no que se che pide que actives a túa conta de AO3 utilizando a ligazón incluída. A mensaxe de activación adoita chegar xusto despois de crear a conta, pero algúns provedores de correo poden demorar a súa entrega.
Unha vez activada a conta, deberías recibir outro correo de confirmación de activación desde o mesmo enderezo: [email protected]. Ás veces, estes correos poden perderse nos filtros de spam ou na clasificación automática da túa caixa de entrada, así que revisa tamén iso. Se non atopas nin o correo de activación nin o de confirmación, e xa pasaron máis de 24 horas desde que te rexistraches, podes contactar co noso Comité de Soporte para solicitar que unhe administradore active a túa conta.
Se estás intentando iniciar sesión co teu nome de usuario, é o correcto?
Para comprobar se un nome de usuario existe e é teu, vai á barra de enderezos do teu navegador e introduce:
https://archiveofourown.org/users/NOMEDEUSUARIO, substituíndo "NOMEDEUSUARIO" polo teu nome de usuario. Se a conta existe, levarate ao seu Dashboard (Panel de control). Alí podes comprobar se a icona, a información do perfil ou os traballos públicos e marcadores coinciden cos teus.
Ten en conta que os nomes de usuario só poden conter letras maiúsculas e minúsculas de A a Z, números e guións baixos (_).
Se estás intentando iniciar sesión co teu correo electrónico, é o correcto?
Se tes máis dun enderezo de correo electrónico, pode axudar ir á páxina New Password (Contrasinal novo), introducir o teu correo electrónico e premer en "Reset Password" (Restablecer contrasinal). Se o correo que introduces non está asociado a ningunha conta, recibirás unha mensaxe de erro e non se enviará ningún correo. Facer isto con todos os teus correos pódete axudar a determinar cal usaches para a túa conta de AO3.
Poderás iniciar sesión co teu contrasinal habitual mesmo despois de que se che envíe o correo de restablecemento (podes simplemente ignorar o correo).
O teu contrasinal é correcto?
Se confirmaches que o nome de usuario ou o correo que estás a usar son correctos, o problema podería estar no contrasinal. Cubre o formulario na páxina de Novo Contrasinal e recibirás unha ligazón para cambialo.
Se non recibes o correo en 24 horas, revisa o cartafol de spam ou a clasificación automática da túa caixa de entrada. O asunto do correo será "[AO3] Reset your password" ([AO3] Restablece o teu contrasinal).
Actualización (28 de decembro, 10:43 UTC): Debido a cambios na forma en que se procesan os contrasinais, necesitarás restablecer o teu contrasinal se anteriormente contiña os caracteres < ou >. (Podes seguir usando < e > no teu contrasinal; só necesitas actualizalo para o noso novo sistema.)
O teu navegador ou xestor de contrasinais está a cubrir automaticamente o nome de usuario/contrasinal?
Se estás usando o autocompletado do navegador ou un xestor de contrasinais para iniciar sesión en AO3, é posible que a combinación gardada sexa incorrecta. Para comprobalo, borra a información preintroducida e escribe manualmente o teu nome de usuario e contrasinal. Lembra actualizar o autocompletado ou a entrada no xestor de contrasinais coas credenciais correctas para evitar que o problema se repita.
Intentaches eliminar as cookies do navegador?
Ás veces, os problemas para iniciar sesión poden deberse a cookies mal configuradas ou corrompidas. Os problemas coas cookies poden provocar mensaxes de erro que indiquen que o contrasinal ou o nome de usuario non coinciden cos rexistros, mesmo cando son correctos, ou que recibas unha mensaxe de inicio de sesión exitoso pero non esteas realmente conectade. Para asegurarte de que a configuración de cookies non che está impedindo acceder a AO3, comproba que o teu navegador está configurado para aceptar cookies da nosa web e elimina as cookies antes de intentar acceder de novo. As instrucións para xestionar cookies varían segundo o navegador e a súa versión, pero aquí tes algunhas ligazóns para comezar:

Probaches a desactivar as extensións/complementos do navegador?
Ás veces, as extensións ou complementos do navegador poden interferir co proceso de inicio de sesión. Para asegurarte de que a configuración do teu navegador non está a impedirche iniciar sesión, desactiva calquera software adicional asociado co teu navegador seguindo as ligazóns de abaixo.

Intentaches iniciar sesión empregando un navegador ou dispositivo diferente?
Se podes iniciar sesión en AO3 usando outros medios, o problema co que te estás atopando probablemente estea relacionado co teu navegador ou dispositivo, e non coa túa conta. Se é así, recomendámosche que probes os pasos anteriores no teu navegador preferido e, se aínda non funciona, infórmanos do problema contactando co noso Comité de Soporte, para que poidamos investigalo máis a fondo. Lembra incluír detalles sobre o(s) navegador(es) e dispositivo(s) que utilizaches, así como o problema en si.
Probaches todo o anterior e aínda non podes iniciar sesión?
Se xa intentaches todos estes pasos e segues tendo problemas para iniciar sesión, utiliza este formulario de contacto para comunicarte directamente co noso Comité de Soporte. Non compartas información da túa conta nos comentarios desta publicación, xa que todos os comentarios son públicos e poden ser vistos por calquera persoa que acceda a esta páxina. Os comentarios que conteñan información de conta serán eliminados sen resposta.
Como sempre, lembra incluír todos os detalles posibles sobre o teu problema, como as mensaxes de erro recibidas e a configuración do teu navegador/dispositivo, para que poidamos axudarche da forma máis eficaz. Tamén indica cales dos pasos anteriores intentaches, para poder descartar esas opcións.